Estatutos da Asociación
Galega de Coleccionistas
e Afeccionados de Armas
de Fogo
CAPÍTULO
I
DA
ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo
1º.-
Constitúese en Sarria unha asociación sen ánimo de lucro que se denominará Asociación Galega de Coleccionistas e
Afeccionados de Armas de Fogo. A asociación rexerase polos presentes estatutos, pola Lei orgánica
1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociacións e polas demáis
lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.
Artigo
2º.-
1. O domicilio principal e permanente da
asociación radicará na localidade de Lugo, rúa Ramiro Rueda, 16-6ºC, C.P. 27003, con teléfono
639 425 719 e con e-mail: tirogalicia@yahoo.es
2. Poderanse utilizar outros locais
asociativos adicionais noutras cidades mediante acordo da Asemblea Xeral, que
terá atribucións para cambiar tanto o domicilio como os locais, dando conta do
seu acordo ó organismo encargado do rexistro de asociacións.
Artigo
3º.- A
asociación, en funcións dos seus fins e da situación do seu domicilio social,
exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito da Comunidade Autónoma
de Galicia.
Artigo
4º.-
1. A asociación constitúese por tempo indefinido e só
se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada
en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación
vixente.
2. A asociación rexerase segundo os principios
democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento
xurídico.
Artigo
5º.- Son fins
principais da asociación:
a) Coñecemento e difusión da historia
e evolución das armas de fogo antigas, históricas e de avancarga.
b) Asesoramento legal e información
para ós socios e afeccionados ás armas antigas, históricas, artísticas, de
avancarga e de fogo en xeral.
c) Promoción do estudio das
armas e o recoñecemento da súa importancia patrimonial no desenvolvemento da
Historia da Humanidade.
d) Axuda e promoción dos
colectivos relacionados coa colección de armas.
e) Fomento e promoción das
modalidades recoñecidas legalmente, presentes e futuras, de tiro deportivo,
cinexético e lúdicas nas que se empregan armas de fogo antigas ou históricas.
f) Calquera outro fin que
determine a Xunta Directiva ou a Asemblea de socios.
Artigo
6º.- Para
levar a cabo os seus fins, a asociación poderá organizar as seguintes
actividades:
a) Colaborar cos clubes de tiro,
asociacións e clubes cinexéticos galegos ou de calqueira outro ámbito
xeográfico para organizar actividade deportiva coas armas de fogo antigas,
históricas ou de avancarga.
b) Organizar cursos para enseñar
o uso e manexo en condicións de seguridade destas armas antigas ou históricas,
así como realización de cursos de recarga de munición metálica ou semimetálica
para que os socios e aficionados galegos teñan os coñecementos axeitados para a
práctica con estas armas en todas as modalidades deportivas, cinexéticas e
lúdicas amparadas legalmente actuais ou futuras.
c) Informar e asesorar, facendo
uso dos medios de comunicación axeitados, de tódalas novas temáticas en
relación coas armas deportivas, cinexéticas ou lúdicas e o seu uso.
d) Expedir os documentos
necesarios, dentro da legalidade vixente, para acadar ou renovar a condición de
coleccionista de armas antigas ou históricas e das súas réplicas.
e) Promover charlas informativas
e foros de debate sobre a Historia das armas e as súas municións.
f) Organizar visitas guiadas ós
museos de armas e histórico-militares, fábricas de armas, así como calqueira
instalación civil ou militar relacionada coas armas antigas ou históricas en
calquera ámbito xeográfico.
g) Crear unha biblioteca básica
temática a disposición dos socios e afeccionados ás armas antigas ou
históricas.
h) Colaborar con outras
asociacións similares.
i)
Calquera
outra actividade que decida a Xunta Directiva ou a Asemblea de Socios.
Artigo 7º.- Os beneficios que se obteñan por calquera concepto
destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan
repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con
interese lucrativo.
CAPÍTULO
II
DOS
SOCIOS
Artigo
8º. -
1. Poderán ser integrantes da asociación
todas aquelas persoas físicas con plena capacidade de obrar e persoas xurídicas
tralo acordo do órgano competente, que non teñan débedas pendentes coa asociación e que
reúnan os seguintes requisitos:
a)
Facer unha petición por escrito á Xunta Directiva da asociación xustificando o
seu interese polas armas antigas ou históricas, o coleccionismo destas ou das
súas municións, e o seu uso nas modalidades de tiro olímpico e deportivo.
b) Abona-las cotas de ingreso e anuais que
determine a Xunta Directiva.
2. Os acordos de admisión de asociados tomaraos a
Xunta Directiva, unha vez recibida a petición por escrito da persoa que desexa
ser admitida.
3. Poderán ser integrantes da asociación na súa
sección xuvenil os menores non emancipados de máis de 14 anos co consentimento,
documentalmente acreditado, das persoas que deban supli-la súa capacidade.
Artigo
9º.- Dentro
da asociación poderán existir as seguintes clases de asociados:
a) Fundadores: aquelas persoas que
subscribiron a acta fundacional.
b) Numerarios:aquelas persoas que
ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
c) Honorarios: aquelas persoas que, a
xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ó desenvolvemento dos fins da
asociación.
d) Colaboradores: aquelas persoas que
colaboren de calquera xeito coa asociación nas súas actividades e así llo
recoñeza a Xunta Directiva ou a Asemblea Xeral.
e) Xuvenís: aquelas persoas de entre 14
anos cumpridos e 20 sen cumprir que participen na asociación. Estarán
integradas na sección xuvenil, se é o caso.
Artigo
10º.- Os
asociados teñen os seguintes dereitos:
1. Participar nas actividades da asociación e nos
órganos de goberno e representación, exerce-lo dereito de voto, así como
asistir á Asemblea Xeral, de acordo cos estatutos.
2. Ser informado da composición dos órganos de
goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do
desenvolvemento da súa actividade.
3. Gozar de todas as vantaxes e beneficios
que a asociación poda obter.
4. Recibir copia destes estatutos.
5. Facer suxestións aos membros da Xunta
Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins da asociación.
6. Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra
el e ser informado dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo
motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
7. Impugna-los acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei
ou ós estatutos.
Artigo
11º.- Son
obrigas dos asociados:
1. Acatar os contido dos estatutos.
2. Compartir as finalidades da asociación e colaborar para a súa consecución.
3. Desempeñar os cargos para os que
foron elixidos.
4. Asistir ás asembleas xerais.
5. Satisfacer as cotas que se
establezan.
6. Observar unha boa conduta individual
e cívica.
7. Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados
polos órganos de goberno e representación da asociación.
Artigo
12º.- Os
asociados honorarios, colaboradores e xuvenís menores de 18 anos non intervirán
na dirección da asociación nin nos órganos de representación desta, estando facultados para asistir ás asembleas xerais
con voz, pero sen voto.
Artigo
13º.-
1. A condición de asociado pérdese:
a) Por vontade propia. Neste suposto, o asociado deberá realizar unha petición escrita e procederá ó
aboamento previo de todas as cotas que teña pendentes.
b) Por falta de pago de 4 cotas.
c) Por incumprimento das súas obrigas ou a
realización de accións que prexudiquen gravemente ós intereses da asociación,
previo expediente disciplinario.
d) Por falecemento da persoa física ou extinción da
persoa xurídica.
2. A expulsión de asociados nos supostos dos apartados
b) e c) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo
da audiencia do interesado.
3. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola
Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante
a xurisdición ordinaria.
Artigo
14º.-
1. Os asociados poderán pedir a
separación temporal por escrito.
2. A Xunta Directiva poderá acorda-la
separación temporal dun asociado cando se estea tramitando un expediente
sancionador ou concorran causas xustificados que o aconsellen, tales como o
atraso no pago dalgunha cota ou comportamentos que afecten a boa marcha dalgún
dos fins da asociación.
3. O expediente sancionador recollerase
no regulamento de réxime interno, pero, en todo caso, a resolución poderase
recorrer perante a xurisdición ordinaria.
CAPÍTULO
III
DOS
ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
Artigo
15º.- A
dirección e administración da asociación serán exercidas polo Presidente, a Xunta
Directiva e a Asemblea Xeral.
Artigo
16º.-
1. O Presidente da asociación será designado pola
Asemblea Xeral entre os asociados que teñan polo
menos un ano de antigüidade e o seu mandato durará catro anos. Será
asistido nas súas funcións por un Secretario, que o substituirá nos casos de
vacante, ausencia ou enfermidade.
2. O Presidente terá as seguintes atribucións:
a) Representa-la asociación perante calquera
organismo público ou privado.
b) Convocar e presidi-las sesións que celebre a
Xunta Directiva; presidi-las sesións da Asemblea Xeral; dirixi-las
deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade, no caso de empate.
c) Executa-los acordos adoptados pola Xunta
Directiva e a Asemblea Xeral.
d) Ordea-los pagamentos acordados validamente.
e) Asina-las actas, certificados, pagamentos e
outros documentos da asociación xunto co Secretario ou membro da Xunta
Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
Artigo
17º.-
1. A Xunta Directiva estará formada por un
Presidente, un Secretario, un Tesoureiro e dous vocais, cargos que deberán
recaer en asociados que leven polo menos un ano na asociación.
2. Os cargos que compoñen a Xunta
Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos
gastos debidamente xustificados e deberán carecer de interese económico nos
resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta.
3. A Asemblea Xeral será a competente para
elixi-los cargos da Xunta Directiva. A súa duración será por un período de
catro anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.
4. Os cargos cesarán na súa función por:
a) facelemento da persoa
física ou extinción da persoa xurídica.
b) renuncia voluntaria.
c) transcurso do prazo
para o que foron elixidos.
d) acordo de cesamento de
toda a Xunta Directiva adoptado polos dous terzos dos asociados reunidos en
Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.
5. A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ó
cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes
con entrega de documentación e posta ó día do sucesor.
6. As vacantes que se puideran producir durante o
mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas
provisoriamente entre os ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea
Xeral.
7. En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar
integrada como mínimo por tres persoas, que exercerán as funcións de Presidente,
Secretario e Tesoureiro.
8. O persoal de
secretaría, se o houbese, será nomeado pola Xunta Directiva, que acordará,
ademáis, a súa retribución.
Artigo 18º.- A Xunta Directiva terá as seguintes
atribucións:
1. Programar e dirixi-las actividades asociativas.
2. Leva-la xestión administrativa e económica da
asociación.
3. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o
orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano
anterior.
4. Convocar e fixa-la data da Asemblea Xeral.
5. Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas
ordinarias e extraordinarias para os asociados.
6. Designa-las comisións de traballo ou seccións que se
estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
7. Ditar normas interiores de organización e exercer
cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
8. Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos
asociados.
9. Propoñe-lo plan de actividades da asociación á
Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
10. Resolve-los procedementos disciplinarios que se
instrúan.
11. Aquelas que non veñan atribuídas expresamente á
outro órgano da asociación.
Artigo 19º.
1. A Xunta Directiva será convocada polo Presidente, a
iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.
2. Para que os acordos da Xunta Directiva sexan
válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo
necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en
todo caso, do Presidente e o Secretario ou persoa que o substitúa.
3. O Secretario ou, no seu defecto, o vocal que o
substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.
Artigo 20º.- Os membros da Xunta Directiva presidirán
as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a
preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as
informacións necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de
asociados que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos Presidentes.
Artigo
21º.- A Asemblea
Xeral de asociados é o órgano de expresión da vontade da asociación e estará
formada por todos os integrantes desta. O Presidente e o Secretario da Asemblea
serán os mesmos que os da Xunta Directiva.
Artigo
22º.- A Asemblea
Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con
carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva ou o soliciten
o 10% dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó
Presidente, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o
motivo da convocatoria e a orde do día.
Artigo
23º.- A Asemblea
Xeral Ordinaria reunirase necesariamente dentro dos seis primeiros meses de
cada ano. Tanto a Asemblea ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con
15 días de antelación polo Presidente da Xunta Directiva.
A
notificación farase nos locais da asociación para as asembleas ordinarias e no
domicilio dos asociados para as asembleas extraordinarias.
Artigo
24º.- Serán
competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
1. Aproba-la acta da reunión anterior.
2. Aproba-lo plan de actividades.
3. Examinar e aproba-la memoria de
actividades.
4. Examinar e aproba-las contas e
balances do exercicio anterior.
5. Aproba-los orzamentos de ingresos e
gastos para cada exercicio.
6. Aproba-la cuantía das cotas anuais de
socios.
Artigo
25º.- Serán
competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:
1. Modifica-los estatutos da asociación.
2. Elixir e cesar ós integrantes da Xunta
Directiva.
3. Aproba-la federación con outras
asociacións.
4. Autoriza-lo alleamento, gravame ou
hipoteca de bens sociais.
5. Acorda-la disolución da asociación.
6. Designa-los liquidadores.
7. Ratifica-la expulsión de asociados a
proposta da Xunta Directiva.
8. Solicita-la declaración de utilidade
pública da asociación.
9. Aproba-lo regulamento de réxime
interno da asociación.
10. As que sendo de competencia da
asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan espera-la
súa convocatoria sen grave prexuízo para a asociación.
11. Todas as non conferidas expresamente
á Asemblea Xeral ordinaria ou a Xunta Directiva.
Artigo
26º.- A Asemblea Xeral quedará validamente
constituída sempre que concorran a metade máis un dos asociados na primeira
convocatoria ou transcorrida media hora, en segunda convocatoria, con calquera
número de asistentes, pero, en todo caso, coa presenza do Presidente e o Secretario
ou persoa que o substitúa.
Artigo
27º.- Os
acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos
asistentes ou representados, excepto os relativos os apartados 1 ao 7 do Artigo
24, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos
ó libro de actas e asinarán o Presidente e máis o Secretario da Asemblea. A
acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e
aprobada pola maioría dos membros presentes.
Artigo
28º.- Os
acordos adoptados conforme os preceptos anteriores obrigarán a tódolos
asociados, incluso ós non asistentes.
As
sesións abriranse cando así o determine o Presidente. De seguido, procederase
por parte do Secretario á lectura da acta da Asemblea anterior que deberá ser
aprobada.
Posteriormente,
o Secretario procederá a introduci-la orde do día. Cada punto será informado
polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose a aprobación
nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.
Unha
vez rematados todos os asuntos da orde do día, procederase a facer un quenda de
rogos e preguntas e a adopción de acordos. Concluída esta quenda, o Presidente
levantará a sesión.
Artigo
29º.- Os
acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación
poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da
resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer
perante a xurisdición ordinaria.
Artigo
30º.-
1. O Secretario recibirá e tramitará as
solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro de rexistro de asociados e
terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade.
2. Correspóndelle, así mesmo, notifica-las
convocatorias, custodia-las actas e expedir certificacións co visto e prace do Presidente.
3. Levará o inventario dos bens da
asociación nun libro establecido ó efecto.
4. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do Secretario,
o Presidente designará entre os vocais a un que desenvolva esta función.
Artigo
31º.-
1. O Tesoureiro recadará e custodiará os
fondos pertencentes á asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que
expida o Presidente, dirixirá a contabilidade da asociación, tomará razón e
levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, e participa en todas as
operacións de orde económico.
2. O Tesoureiro ten a obriga de proceder
ó peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as
contas estean a disposición dos membros da Asociación nos quince días
anteriores á realización da Asemblea Ordinaria.
Artigo
32º.- Os
vocais, no número que determine a Asemblea Xeral, terán as seguintes
atribucións:
1. Realizar programas e propostas na súa
área de actuación.
2. Desempeña-los traballos que lle sexan
encomendados pola Xunta Directiva.
CAPÍTULO
IV
RÉXIME
ECONÓMICO
Artigo
33º.- A
asociación, no momento de inicia-las súas actividades non dispón de patrimonio.
O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.
Artigo
34º.- A
asociación funcionará en réxime de orzamento anual, con partidas de ingresos e
gastos. O Tesoureiro da asociación elaborará o borrador de orzamento que deberá
telo preparado antes do 1 de xaneiro, a fin de que poda ser aprobado na Asemblea
Xeral Ordinaria.
Artigo
35º.- A
asociación manterase dos seguintes recursos:
1. As cotas periódicas dos asociados.
2. As cotas extraordinarias que propoña
a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.
3. As doazóns ou subvencións que poidan
conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
4. Os ingresos que se poidan recibir
polo desenvolvemento das actividades da asociación.
5. Calquera outro ingreso admitido pola
normativa vixente para actividades non lucrativas.
Artigo
36º.- A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da
Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias,
que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atende-las
necesidades da asociación..
Artigo
37º.- Anualmente,
con referencia ó ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as
contas que se formalizarán nunha memoria e que será posta a disposición dos
asociados durante un periodo non inferior a 15 días ó sinalado para a
realización da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.
Artigo 38º.- Para a disposición de fondos das contas
que a asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta
do Presidente e do Tesoureiro.
Artigo
39º.- Como entidade sen ánimo de lucro, en
ningún caso poderán ser distribuídos entre os asociados os recursos obtidos
pola asociación..
CAPÍTULO
V
DO
REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo
40º.- O regulamento de réxime interno, no seu
caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes
estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o
procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do
estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará
sometido ó ordenamento xurisdicional civil.
CAPÍTULO
VI
MODIFICACIÓN
DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 41º.- Os ditos estatutos só poderán ser
modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal
efecto, adoptado polos dous terzos dos asociados. A proposta de convocatoria
deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.
Artigo 42º.- A asociación disolverase voluntariamente
por acordo dos asociados adoptado polas 2/3 partes dos asistentes á Asemblea
Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.
Artigo 43º.- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral
Extraordinaria designará tres asociados liquidadores, que xunto co Presidente e
o Tesoureiro, procederán para efectua-la liquidación dos bens, pagando débedas,
cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.
Artigo 44º.- O Haber resultante, unha vez efectuada a
liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na comunidade
autónoma que teña iguais ou similares fins que os desta asociación.
O xustificante
da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para
proceder á inscrición da disolución da asociación.